Ir ao contido

Ciencia colaborativa e Peneira

Ciencia Colaborativa

A ciencia colaborativa, tamén chamada "ciencia cidadá", "ciencia comunitaria" ou "ciencia impulsada polas persoas", implica a toda a sociedade no avance do coñecemento científico formulando preguntas de investigación, recompilando datos e interpretando os resultados. Esta participación pública na investigación científica, cando se realiza nun ámbito escolar, tamén se coñece como "ciencia escolar", aínda que o termo abrangue moitos máis tipos de ciencia nas escolas. A miúdo xorde para abordar cuestións de xustiza ambiental e permite a igualdade de acceso á toma de decisións baseada en evidencias científicas.

A ciencia colaborativa utiliza o poder colectivo das comunidades e do público para identificar preguntas de investigación, recompilar e analizar datos, interpretar resultados, facer novos descubrimentos e desenvolver tecnoloxías e aplicacións, todo para comprender e resolver problemas que afectan á sociedade.

Sobre Peneira

Peneira é unha ferramenta web e móbil gratuíta creada pola Fundación Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en España para a Ciencia Cidadá/Colaborativa e a Ciencia Escolar. Peneira permite a creación de proxectos colaborativos, así como a recollida de datos de campo multimedia dun xeito sinxelo usando dispositivos móbiles, permitindo a posterior descarga destes datos.

  • No contexto educativo, Peneira permite que o profesorado cree pequenos proxectos educativos multidisciplinares colaborativos desde a web para que o seu alumnado poida recoller datos fora da aula segundo as súas instrucións, e logo poder analizalos no contexto da clase. Desde a recollida de datos sobre o patrimonio arquitectónico ou musical local, as especies naturais, a calidade da auga ou os servizos dispoñibles no concello... as posibilidades son tantas como as túas ideas! Peneira tamén conta con ferramentas sociais, que che permiten comentar os datos capturados entre o grupo, así como compartilos individualmente. Tamén permite que o profesorado contacte co grupo de estudantes durante unha recollida conxunta de datos (nunha excursión escolar, por exemplo) e poder enviarlles mensaxes ou coñecer a súa localización.

  • No contexto científico, Peneira permite a creación dun proxecto de recollida de datos entre varias persoas ou grupos repartidos polo territorio. A descarga destes datos realízase con formatos estándar como CSV, Json ou GeoJson para logo traballar con eles, analizalos, etc.

O contido multimedia recollido con Peneira, como textos, fotos, audios e vídeos, recolle a localización no mapa de forma automática ou manual a través de móbil, tableta ou ordenador.

Seguridade e datos

Onde se almacenan os datos?

Peneira está aloxada nos servidores do CESGA en Santiago de Compostela. Temos políticas estritas para a protección dos datos persoais e dos datos aloxados nos nosos servizos.

Para o seu uso nun contexto escolar, Peneira permite crear contas de usuario sen enderezo de correo electrónico, cun identificador de usuario non nominal (por exemplo, "Alumna20cole") para facilitar a anonimización dos datos de estudantes menores de idade. Para obter máis información, visite a sección "Xestión de usuarios".

Acordo de usuario e política de privacidade de Peneira

Peneira é unha plataforma aberta e gratuíta creada polo Centro de Supercomputación de Galicia para apoiar a Ciencia Colaborativa e a Ciencia Escolar. Permite xerar proxectos e recoller datos facilmente mediante dispositivos móbiles.

Para o uso da ferramenta, recóllense uns datos persoais mínimos do creador do proxecto (nome, correo electrónico e, opcionalmente, fotografía), que están suxeitos á nosa política de privacidade https://www.cesga.es/politica-privacidad/. Aínda que, como indicamos antes, é posible crear contas de participantes no proxecto sen correo electrónico e nomes xenéricos, por exemplo, para estudantes menores de idade.

Por outra banda, os datos recollidos nos proxectos creados en Peneira son propiedade e responsabilidade do propio usuario, debendo cumprir coa política xeral de usos axeitados dos servizos do CESGA.

Como protexer os datos dos e das estudantes/usuarios/as?

Como se detalla na sección "tipos de conta", as contas de participación de estudantes/usuarios poden ser anónimas, polo que os seus datos persoais non se ven comprometidos, nin é necesario ter un enderezo de correo electrónico para eles.